Para podermos combater con éxito o cambio climático e a ameaza nuclear, precisamos pór as persoas e o planeta no centro de como producimos, consumimos e distribuímos a enerxía. Precisamos un sistema enerxético 100 % renovábel, eficiente, intelixente e con participación da xente.

España conta cun potencial renovábel suficiente para fornecer máis de
56 veces
a demanda eléctrica peninsular para 2050.
Un sistema eléctrico baseado nun
100%
en renovábeis é tecnicamente posíbel e economicamente accesíbel, con total garantía de subministración en todo momento.
Cun modelo enerxético baseado en renovábeis, España podería aforrar máis de
200.000 millóns de euros
ao ano como media.
Campos de grano con turbinas eólicas detrás.

O problema

Malia estar a producirse un cambio no sistema enerxético, o seu ritmo é lento de máis para non superar o aumento de 1,5 ºC que nos indica a ciencia. Tras este retraso atópanse principalmente os intereses dun oligopolio enerxético con outros negocios sucios que rentabilizar na súa carteira e do que a presión de “lobby” sobre o noso sistema económico, político, lexislativo e social queda patente nas portas xiratorias ou na publicidade e patrocinio de combustíbeis fósiles, entre outras.
Para que a transformación do modelo enerxético teña lugar á velocidade precisa para salvar o clima, é imprescindíbel que millóns de persoas participen nela producindo, intercambiando, almacenando e xestionando enerxías renovábeis, tanto de xeito individual como colectivo. Por isto, e grazas a que os cambios na lexislación europea e nacional xa o permiten, é hora de activármonos en tanto que cidadanía, empresas e gobernos e acelerarmos eses cambios graduais que precisa o noso planeta.

España, que encabezaba o desenvolvemento renovábel e foi líder mundial en enerxía fotovoltaica en 2008, viu truncado o seu éxito polas diferentes lexislacións que imperaron dende 2010 ata 2018, destruíndo así un futuro prometedor nun país privilexiado en recursos, tecnoloxía, coñecementos técnicos e industria renovábel, perdéndose decenas de milleiros de empregos en poucos anos (cando se triplicaron en todo o mundo). Pero agora, tras anos de loita e batallas gañadas en Europa por parte de institucións e da sociedade civil para acelerar a descarbonización que salve o clima e recuperar os nosos dereitos perdidos sobre a enerxía, toca tamén recuperar o tempo perdido con urxencia para gañarmos a carreira ao cambio climático e á nosa dependencia dos combustíbeis fósiles e a nuclear, que, ademais de condenaren o noso planeta e as nosas vidas, son importados nun 90,4 %.

Mentres as formas de produción, distribución e comercialización colectiva de enerxía renovábel nas mans da cidadanía emerxen como unha tendencia clave no sector renovábel en moitos países, as persoas que queren producir enerxía no noso país enfrontáronse a continuas barreiras económicas, administrativas e legais, como o famoso “imposto ao sol”, revogado por fin en outubro de 2018, malia que o 30 % da cidadanía se declaraba entón altamente predisposta a participar na transición enerxética.

Agora, o 89 % da poboación en España declárase interesada no autoconsumo e por iso debemos aproveitar esta grande oportunidade para nos apropiar desta transición enerxética que é de e para todas as persoas.

A solución

A solución pasa por construírmos un novo sistema enerxético no que se substitúan os combustíbeis sucios (carbón, petróleo, gas e uranio) por enerxías renovábeis e se aposte pola eficiencia, o aforro e as solucións tecnolóxicas intelixentes que garantan unha transición xusta para as persoas que traballan nestes sectores e as comunidades que actualmente dependen das enerxías sucias.

Pero ademais, estas renovábeis deben ser respectuosas coa biodiversidade e as persoas, xerando o meirande impacto positivo no territorio e coa máxima participación da sociedade.

Trátase dun modelo no que o control sobre a enerxía non é un privilexio das grandes empresas enerxéticas, senón un dereito cidadán, onde cada fogar poida ser dono da súa enerxía e producila, consumila, acumulala e intercambiala ao seu xusto valor e en liberdade.

Esta transición enerxética , que xa está a ocorrer en moitos lugares do mundo, en España por fin comeza a despegar trala derrogación do imposto ao sol en 2018 (Real Decreto-Lei 15/2018, de 5 de outubro, de medidas urxentes para a transición enerxética e a protección dos consumidores) e o seu posterior desenvolvemento normativo (Real Decreto 244/2019, de 5 de abril, polo que se regulan as condicións administrativas, técnicas e económicas do autoconsumo de enerxía eléctrica), no que se desenvolve o autoconsumo compartido, individual e de proximidade e se recoñece o dereito á remuneración dos excedentes. Por iso é obriga de todos os gobernos impulsala, facilitala e axilizala, dando prioridade así ao interese xeral, a loita contra o cambio climático e o abandono das enerxías sucias.

Por outra banda, a aposta total polas enerxías renovábeis non só é a opción máis segura para o planeta, senón tamén para a economía e a xustiza social. Un modelo baseado maioritariamente nas enerxías renovábeis e no aforro enerxético crearía máis de 3 millóns de postos de traballo no Estado español, incrementaría en dous puntos anuais o PIB e diminuiría considerablemente a factura enerxética dos fogares, mesmo daqueles que sofren vulnerabilidade enerxética (entre un 10 e un 17 % da poboación, segundo os últimos datos de 2021). Todo isto conseguiríase para o ano 2030.

Para acadalo, fai falla vontade política.

Dende Greenpeace propoñemos que en 2030, case un 100 % da electricidade sexa renovábel. O Goberno planea chegar só ao 74 %, pero actualmente non se instala todo o necesario para acadalo. Se queremos frear o cambio climático, ademais de apostar pola eficiencia e o aforro, é urxente un despregue renovábel masivo coa máxima participación social e a correcta protección medioambiental.

Que está a facer Greenpeace

Greenpeace foi pioneira en demostrar, mediante a elaboración dunha serie de informes, que a revolución enerxética non só é posíbel senón que é viábel en poucas décadas. Os informes ‘Renovables 2050 ’, ‘Renovables 100%’, ‘Energía 3.0’ e ‘Canarias 100% renovable’ aclaran que en España existen solucións para satisfacer todas as nosas necesidades enerxéticas e que é posíbel poñelas en marcha coa celeridade que require un problema da magnitude do cambio climático. Para iso, reivindicamos tanto a necesidade e urxencia dun despregue masivo de renovábeis con participación da cidadanía como a protección e respecto da biodiversidade e o territorio.

Ademais, no informe ‘Energía colaborativa’ e na web Alternativas de energía ciudadana contra el cambio climático recóllense por vez primeira a elevada predisposición e revolución da cidadanía a ser parte do cambio. Isto anímanos a seguirmos exercendo presión sobre políticos e empresas para que se recoñeza o dereito e a necesidade de substituír o actual sistema centralizado, corporativo e especulativo ( baseado nos combustíbeis fósiles e na enerxía nuclear, nun crecemento constante de oferta e demanda e na ausencia de democratización) por un que poña as persoas, a xustiza económica e ao planeta á vangarda da transición, cun sistema enerxético 100 % renovábel, distribuído, eficiente, intelixente e democrático, con novos actores e servizos, como esixe Europa. E a catalizarmos as solucións cidadás que permitan o cambio que queremos ver para salvar o clima.

Como parte desta loita, en Greenpeace seguiremos a facer presión para que o desenvolvemento normativo que falta en España para esta participación masiva da sociedade nas renovábeis a través de ferramentas como o autoconsumo ou as comunidades enerxéticas vexa recoñecidos todos os dereitos e garantías cidadás, tal como recolle a normativa europea.